viernes, 10 de julio de 2009



“eu fáloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue”

Celso Emilio Ferreiro – Deitado frente ao mar

Eu fáloa tamén, porque me gusta, porque conmóveme as tripas e faime tremer o sangue. Eu fáloa porque é fermosa, proletaria, lingua dun pobo, lingua campesiña, lingua de pescadores. Unha lingua de xigantes poetas, de tolos soñadores e mulleres grandiosas, lingua de campo e cidade, de mártires afoutos, de avoas e de novos. Eu fáloa porque si, porque me gusta, e aínda que non son aldeá (pero ben quixese selo) levo na carne tatuada a historia de estes doentes pobos. Camiño cada rúa que atopo, e entre os meus pasos vou escoitando o colorido cantar que esta xente emana. Escápanseme sempre os sorrisos. Falan e son como poetas perdidos que aínda non se descobren, como poetas inxenuos que a causa de exhalar toda a súa vida poesía, non poden comprender que as súas palabras esgazan. Lingua galega que amo, lingua de fala e de letras, lingua de resistencia. Lingua que me narra historias dunha nostalxia profunda, nostalxia dos tempos ceibes que aínda non chegarán. Lingua triste e valente, lingua de pobo humilde, lingua morriña. Eu fáloa, si, porque me gusta.

No hay comentarios: